references
O respecto
INF IN M S R
Ciclo infantil Ciclo inicial
A palabra respecto provén do latín respectus e significa “atención” ou “consideración”. Atención e consideración cara aos demais: cara á nosa familia, os nosos amigos, os nosos profesores, consideración cara ao planeta no que vivimos... e respecto cara a nós mesmos. Este factor é importantísimo telo en conta no noso día a día, xa que se non es capaz de respectarte a ti mesmo (coidarte, mimarte, quererte, escoitarte), seguramente che será máis difícil respectar as persoas que te arrodean e o mundo no que vives. Todo comeza polo respecto que mostramos cara a nós mesmos. Cóidate por fóra e por dentro. Coida o teu corpo, pois é o único que tes e ten que durar moito. Trátao con respecto, ofrecéndolle unha dieta variada e equilibrada, moita auga e exercicio. Non podes dicir “A min non me importa o meu corpo. Vou alimentarme só de chocolate”, porque sería unha falta de respecto cara a el. O teu corpo permíteche saltar, correr, xogar... E non esquezas mimar a túa mente. Non deixes que se acheguen pensamentos negativos, conflitivos, egoístas ou envexosos. Enche o teu cerebro de pensamentos positivos e alegres para gozares cada día cos teus amigos e a túa familia, sen pelexas, dialogando, tratando a todos ben, sen envexas e procurando sempre o lado bo das cousas. Canto máis respecto mostres ao pensar, máis feliz e máis querido serás por todos os que te arrodean. Mostrar respecto cara aos demais tamén che fará sentir moi ben. Se superas os “celos”, es capaz de admirar os debuxos ou a redacción doutro compañeiro e llo dis, ese respecto valerá o dobre: el porase contento e ti sentiraste ben por teres feito o correcto. Vólvete mellor persoa se es quen de recoñecer que o outro equipo xogou ben e
6
merecía gañar, e se lle das a man ao rematar; ou, se gañaches, darlle a man para recoñecer que xogou ben. Este respecto é a deportividade e é moi valiosa. Proba a pactar co teu irmán pequeno que quen gañe, ao xogar ao xadrez, convide a un xeado ou a larpeiradas, porque os dous merecedes celebrar o voso esforzo. É un xeito de respecto recoñecelo e el, asemade, tamén te respectará a ti, pero polos teus xestos de consideración e agarimo. E aprende a respectar a diversidade, a base da educación para o desenvolvemento, para que todos os pobos avancen xuntos de forma harmoniosa. É doado respectar a quen é coma ti, pero custa máis aceptar outras formas de ser, pensar e actuar. Os seres humanos vivimos en países diferentes, falamos linguas distintas e existen clases sociais e culturas ben diversas. Cada persoa é única na súa xenética e personalidade, debido a súa orixe, á familia e ao país do que provén. Pero non o esquezas: ao final todos somos iguais, seres humanos que habitan na Terra e intentan saír adiante. Non importa que idioma falemos, de que cor é a nosa pel ou como nos vestimos. Todos compartimos o mundo e, para convivir en harmonía, temos que respectarnos os uns aos outros e, sobre todo, coidar do noso planeta azul. Sabes, ademais, que o respecto dá superpoderes? Se es respectuoso contigo mesmo, cos que te rodean e coa natureza, serás case invencible. Algunhas persoas equivócanse ao pensar que o respecto é un signo de debilidade. Felicitar, agradecer, ofrecer, dar... faiche sentir ben a ti e mais aos que te arrodean. Se es respectuoso, seguro que recibirás o mesmo a cambio: o respecto e o agarimo dos teus pais, dos teus irmáns, dos teus profesores e dos teus amigos. Ese respecto e agarimo farache feliz, forte e poderoso. Darache ás e enerxía para faceres todo o que te propoñas. Permitirache viaxar “ata o infinito e máis alá”..
Ciclo medio
Ciclo superior
Reciclaxe
Titorías con sentido para todos os ciclos educativos
Coa colaboración de: