references
A convivencia
INF IN M S R
Ciclo infantil
Son as sete e media da mañá. Soa o espertador, é hora de erguerse. Mentres te vistes, escoitas unha canción do teu cantante favorito a todo volume na radio. De camiño ao colexio cruzas todas as rúas sen respectar os semáforos e os coches teñen que frear en seco para non atropelarte. Ao chegares á escola, aínda hai compañeiros na fila, ábreste paso a empurróns por diante de todos e sitúaste diante… Que che parece todo isto? E o que fas normalmente polas mañás? Non se debe facer, verdade? Porque hai unhas normas de convivencia que debemos respectar. Non podemos escoitar música a todo volume ás sete e media da mañá porque algúns veciños poden estar a durmir; nin podemos cruzar a rúa sen respectar os semáforos, porque podemos provocar un accidente; nin podemos pasar os primeiros na fileira porque a orde establécese en función da chegada. Iso é así e hai que respectalo. Isto amósate o importante que é a convivencia nas nosas vidas. Convivir implica unha serie de normas creadas, acordadas ou que simplemente existen e respectamos polo que chamamos “sentido común”, para poder vivir en orde, harmonía e respecto. Normas na casa coa familia; no colexio cos profesores e compañeiros; no barrio cos veciños, nos espazos e servizos que ocupamos e utilizamos…; e, para rematar, no planeta Terra, que nos ofrece xeneroso os seus recursos e marabillas naturais e co que deberiamos convivir tamén. Sen esas normas de convivencia, a nosa vida e o noso día a día sería o caos máis absoluto e ningunha das nosas actividades diarias se podería desenvolver con normalidade. No fogar, aínda que non teñamos normas formais e escritas, hai unha serie de regras que damos por feitas e que permiten que a convivencia familiar sexa mellor:
todos deben colaborar nas tarefas do fogar; respectar os horarios para erguerse, deitarse, xantar…; débese consultar aos outros se queremos convidar os amigos á casa, ou mesmo se alguén quere ter unha mascota… Todos compartimos un espazo reducido e debemos convivir. A convivencia escolar ten unhas normas sinxelas pero ben definidas. Os cativos ides medrando ano tras ano e na escola asimilades novos coñecementos así como as pautas de convivencia que vos acompañarán toda a vosa vida. Ás veces pensamos que os profesores non paran de insistir na puntualidade, na hixiene, na orde, no feito de erguer a man para preguntar… Repíteno unha e outra vez, porque eles saben ben que todo iso hai que interiorizalo para que, ao final, o fagades sen pensar. Se o conseguides, no futuro teredes moito gañado para convivir no mundo dos adultos e comportarvos adecuadamente en calquera lugar. Por último, e tan importante como as outras convivencias, debemos mimar e coidar especialmente a nosa convivencia humana co planeta Terra. As plantas, os animais, os seres humanos… todos compartimos este marabilloso espazo no universo. Se non sabemos convivir os uns cos outros e respectarnos ao máximo, cada vez haberá máis especies de animais e plantas en perigo de extinción; o xeo dos polos seguirá desaparecendo e o nivel das augas medrando; haberá máis contaminación no aire… Todo porque o ser humano se comporta de xeito egoísta e non respecta as normas básicas de convivencia que nos afectan a todas as persoas por igual. Temos que ter esperanza en que, entre todos, podemos inventar os xeitos de frear este deterioro. Se todos acordamos normas e sistemas para facelo, bastará con aterse a esas normas para que este marabilloso planeta siga a xirar repleto de vida durante milleiros de anos máis.
Ciclo inicial
Ciclo medio
Ciclo superior
Reciclaxe
Titorias con sentido para todos os ciclos educativos
Con la colaboración de:
17