7 PROGRAMA DE EDUCACIÓN EN VALORES Un fogar para cada neno os teus valores INFANTIL E PRIMARIACURSO 2019-2020 Obxectivo 1. Fin da pobreza. Usamos a palabra “pobres” para referírmonos ás persoas que teñen pouco máis dun euro para pasar o día. Igual aínda non es moi consciente do valor dos cartos, pero se preguntas na casa aos teus pais ou o falades na escola co profesorado, eles faranvos entender que un euro é moi pouca cantidade para vivir con normalidade. Cun euro podemos comprar un paquete de cromos ou un croissant, mais non podemos adquirir máis nada. Con só un euro é imposible facer as tres ou catro comidas que facemos ao día, verdade?; tampouco podemos empregar o transporte público para ir estudar ou traballar, porque o billete vale máis; a maioría dos medicamentos custan máis dun euro; e moitísimo máis caro é alugar unha casa e pagar a luz ou a auga. No noso país, os índices de pobreza non son tan elevados comparados con países de África, Asia ou América latina, pero segue habendo familias e persoas que a padecen. Somos pequenos e podemos comezar xa a facer un traballo moi importante: tomar conciencia de que todas as persoas somos iguais, e de que os que nos atopamos nunha mellor situación social,deberiamos axudar os máis desfavorecidos. Sobre todo, con solidariedade.